TAREFAS: As organizacións internacionais.
1. Ficha 3E31
1.1 Título
§ Axentes e institucións económicas mundiais.
§ As organizacións internacionais.
§ Nome do arquivo da actividade: UD16_A02_As.organizacións.internacionais.doc
1.2 Obxectivos
§ Enumerar as principais organizacións económicas internacionais.
§ Coñecer as funcións e os ámbitos de actuación das organizacións económicas internacionais.
§ Identificar os principais tratados que regulan o comercio internacional.
§ Entender o funcionamento, as estratexias e a importancia económica crecente das empresas multinacionais.
§ Recoñecer os principais indicadores de riqueza e benestar.
§ Comprender as desigualdades económicas que reflicten os indicadores económicos.
§ Identificar os grandes ámbitos económicos no mundo.
§ Os poderes transnacionais.
§ O século XIX.
§ O século XX.
§ Tipo da actividade a distancia, de aprendizaxe, páctica, escrita e individual.
§ Temporalización 30 minutos.
– Tarefa 1: dez minutos.
– Tarefa 2: dez minutos.
– Tarefa 3: quince minutos.
§ Recursos:
– Materiais: libro de texto de 3º ESO da editorial Santillana, na unidade 11 “O mundo como sistema”, páxinas 172 a 181. Tamén se poderán consultar os contidos correspondentes en calquera libro de texto de 3º de ESO de calquera editorial.
1.5 Descrición do que se vai aprender
Desenvolvemos nesta unidade o estudo dos principais axentes e institucións económicas no marco da economía internacional. Iniciaremos o estudo das principais organizacións e dos foros económicos internacionais, algúns dos cales xurdiron á finalización da II Guerra Mundial. Organizaremos a información dividindo as institucións económicas nacidas da ONU e as que foron xurdindo nas últimas décadas do século XX, á marxe da ONU. Tamén analizaremos que existen organizacións internacionais que teñen un marcado carácter político, outras máis económico e outras máis cultural, e mesmo social. Por último, dedicaremos un estudo máis pormenorizado a unha organización de cooperación internacional da que España forma parte: a OCDE.
2.1 Introdución
Tras a finalización da II Guerra Mundial foi xurdindo un conxunto de organizacións económicas internacionais. En xeral, procuraban servir de marco de diálogo entre países co obxectivo de evitar na medida do posible futuros conflitos. A máis importante desde o punto de vista político foi a Organización das Nacións Unidas (ONU); seguidamente foron nacendo organizacións de variado carácter, unhas ó abeiro da ONU e outras á marxe dela. En xeral, predominan as de carácter económico, que teñen como obxectivos básicos unificar as políticas económicas e liberalizar o comercio exterior.
Na actualidade, en cada continente existen varias organizacións, que brevemente resumiremos. Entre os organismos dependentes da ONU cabe destacar a FAO (Organizacións das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e a UNCTAD (Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento),
A nivel mundial, podemos citar o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial. Tratan de axudar aos países subdesenvolvidos, concedéndolles créditos ou financiando proxectos de desenvolvemento. Tamén destaca a Organización Mundial do Comercio (OMC), que trata de potenciar o comercio mundial e resolver posibles conflitos entre países, e a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), que procura promover a expansión económica dos países membros.
A nivel rexional, destacan:
– En Europa, a Unión Europea (UE).
– En América, o Tratado de Libre Comercio (TLC), entre Estados Unidos, Canadá e México; MERCOSUR e ALADI.
– En África, a Unión do Magreb Árabe, a Conferencia da Cooperación para o Desenvolvemento da África Austral e a Comunidade Económica de África Occidental.
– En Asia, o Consello de Cooperación do Golfo e a Asociación de Nacións de Asia Sudoriental (ASEAN).
& Pódese consultar a información contida no libro de Santillana de 3º de ESO, na unidade 11, páxina 176, relativa ás organizacións e foros económicos internacionais.
@ Traballaremos na tarefa 1 aspectos de recoñecemento destas organizacións internacionais.
Débese indicar que existen organismos internacionais que teñen como obxectivo básico a cooperación entre os países membros. Nestes casos, os países seguen gozando da súa plena soberanía, pero buscan a cooperación entre eles para mellor resolver os problemas que lles afectan. Un exemplo significativo é o da OCDE.
@ Dedicaremos a tarefa 2 ao estudo particular da OCDE, como un dos organismos de cooperación económica máis importantes do mundo actual.
Tamén existen organismos internacionais de integración. Nestes casos, os países membros cédenlle parte da súa soberanía ao organismo internacional na procura de obxectivos máis ambiciosos. Un exemplo notable deste último caso é o da Unión Europea, que se estuda noutra unidade.
§ Tarefa 1: Recoñecer as principais organizacións económicas internacionais.
§ Tarefa 2: Clasificación das organizacións internacionais.
§ Tarefa 3: Organismos de cooperación: a OCDE.
Trataremos de identificar o significado das siglas correspondentes a unhas cantas organizacións internacionais presentes habitualmente nas noticias dos xornais.
§ Procure información no libro de referencia de 3º de ESO (páxina 176) e noutras fontes, e indique o significado das siglas das seguintes organización internacionais: FAO, UNCTAD, TLC, OCDE, OMC e FMI.
§ FAO: Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación.
§ UNCTAD: Conferencia das Nacións Unidas para o Comercio e o Desenvolvemento.
§ TLC: Tratado de Libre Comercio.
§ OCDE: Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico.
§ OMC: Organización Mundial do Comercio.
§ FMI: Fondo Monetario Internacional.
As organizacións internacionais citadas na tarefa anterior teñen todas un carácter económico. Con todo, tamén existen outras organizacións internacionais que presentan un carácter máis político, cultural, etc.
§ Procure información no libro de texto e noutras fontes e cite dous organismos internacionais de carácter político, dous de carácter cultural e dous de carácter social
§ Organismos políticos: ONU (Organización da Nacións Unidas) e OEA (Organización de Estados Americanos).
§ Organismos culturais: UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación e a Cultura) e OIE (Organización Internacional para a Educación).
§ Organismos sociais: UNICEF (Organización das Nacións Unidas para a Infancia) e OIT (Organización Internacional do Traballo).
2.2.3 Tarefa 3: Organismos de cooperación: a OCDE
Imos estudar un caso concreto de organismo de cooperación, do que forma parte España e que ten unha presenza destacada cos seus informes e as súas previsións económicas e sociais.
§ Lea o seguinte texto informativo sobre a OCDE:
A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico xorde en 1961 como evolución da anterior Organización Europea de Cooperación Económica (OECE). Esta fora creada en 1948 tras a fin da II Guerra Mundial para administrar os fondos do Plan Marshall de axuda á reconstrución de Europa. Tamén procuraba fomentar a liberalización do comercio entre os países europeos. A OCDE cambia o ámbito rexional europeo de orixe polo ámbito mundial.
Actualmente está formada por 30 países (entre os que se atopa España desde a súa fundación, en 1961). A súa secretaría xeral está en París e dispón duns 2.300 funcionarios, moitos deles especialistas en economía e dereito. Ademais, preto de 70 países en vías de desenvolvemento están asociados ao seu traballo. Os seus obxectivos son:
§ A coordinación das políticas económicas para a expansión e o progreso do nivel de vida dos países membros.
§ A axuda aos países subdesenvolvidos.
§ O traballo relativo ao ensino, á tecnoloxía, á man de obra, á agricultura, etc.
Na práctica, cumpre dous tipos de funcións:
§ É unha organización onde os gobernos traballan xuntos para responder aos principais retos económicos e sociais do mundo actual.
§ Constitúe unha fonte valiosa e de grande prestixio de información comparativa, de análise e de previsións, de cara a favorecer a cooperación multinacional.
Os informes periódicos elaborados pola OCDE sobre os países membros adoitan ir acompañados de recomendacións de cara á mellora da situación analizada. Exercen unha considerable influencia sobre os responsables das políticas económicas nacionais.
Conteste ás seguintes cuestións:
§ Cal é o antecedente histórico da OCDE actual?
§ Que cambio máis notable se deu entre a OECE e a OCDE?
§ Cales son os principais obxectivos da OCDE?
§ Cales son as principais achegas da OCDE?
2.2.3.1 Autoavaliación
§ O antecedente foi a OECE, creada en 1948.
§ Cambia o ámbito de actuación, que pasa de ser exclusivamente Europa a un ámbito mundial.
§ Son tres: coordinar as políticas económicas para o progreso dos países membros, axudar aos países subdesenvolvidos e o traballo en cuestións puntuais (ensino, tecnoloxía, etc).
§ Os informes periódicos e os estudos realizados, que gozan de grande prestixio e exercen unha grande influencia.
§ Para a realización da tarefa pódese consultar e repasar a información contida no libro de texto de 3º de ESO da editorial Santillana, unidade 11 “O mundo como sistema” (páxinas 172 a 181). Tamén poderá consultar os contidos correspondentes en calquera libro de texto de 3º de ESO de calquera editorial.
No hay comentarios:
Publicar un comentario